Tuesday 30 de April de 2024

A Asociación de municipios implicará aos colectivos no proxecto de xeoparque por medio da figura da “Entidade Amiga”


Finalizan en Ortigueira as xuntanzas das mesas sectoriais, nas que participaron 85 persoas pertencentes a medio cento de entidades do territorio

 

Este martes á tardiña finalizou en Ortigueira a rolda de mesas sectoriais promovida pola Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal co obxectivo de implicar no proxecto aos centros de ensino e aos distintos colectivos sociais, culturais e económicos do territorio. Nos encontros, concibidos como un punto de intercambio de ideas, volveuse repasar o contido e a trascendencia do proxecto, solventáronse dúbidas e, máis que nada, recolléronse propostas sobre a maneira de darlle o pulo definitivo ao Foro de Participación Local como órgano de colaboración entre asociacións e entre as asociacións e o propio proxecto. Trátase de crear unha rede de traballo dinámica e coordinada que se fará efectiva no foro a través da figura da “Entidade Amiga”, prevista nos estatutos da asociación xestora. Como paso previo, a Asociación de municipios facilitoulles un formulario en liña pensado para coñecer mellor o funcionamento e intereses de cada asociación, dándo de prazo para cumprimentalo ata este 25 de abril. Tamén se habilitou un cuestionario orientado aos centros de ensino, cuxa participación é fundamental para o éxito do proxecto.

O Foro de Participación Local é unha das catro patas que deben soster a candidatura do Cabo Ortegal a Xeoparque Mundial da UNESCO e que despois, se se obtén o distintivo internacional, máis terá que dicir sobre o futuro desta iniciativa de desenvolvemento que abrangue 7 municipios e arredor de 28.000 habitantes.

E é que para ser xeoparque e para superar as reválidas que fai a UNESCO cada catro anos fai falla a máxima identificación social co proxecto e todo o que este significa en canto a coñecemento e dinamización sostible dos seus valores xeolóxicos, científicos, educativos, ambientais, culturais, patrimoniais, turísticos e económicos.

Neste sentido, a Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal organizou cinco mesas sectoriais ás que convocou a todas as entidades -veciñais, culturais, deportivas, económicas, etc.- e centros de ensino do territorio, co obxectivo de coñecer en detalle como están funcionando e favorecer que se convertan en parte activa do proxecto.

Nos encontros celebrados en Cariño, Moeche, Valdoviño, Cedeira e Ortigueira participaron 85 persoas en representación de 54 colectivos e centros escolares. En todas as xuntanzas volveuse repasar en que consiste a iniciativa que opta neste momento ao recoñecemento da UNESCO, centrando as sesións de traballo en ampliar información, recoller inquedanzas, fomentar o coñecemento mutuo das entidades participantes e, en último caso, sentar as bases para a cooperación entre elas arredor do futuro xeoparque e acadar unha colaboración fluída público-privada na súa xestión.

Un obxectivo este último que se levará á práctica a través do Foro de Participación Local -estruturado nas mesas social, económica e escolar- ao que os colectivos poderán adherirse como “Entidade Amiga” sempre e cando teñan fins coincidentes cos do proxecto, estean legalmente constituídos e o soliciten formalmente por acordo do seu órgano de dirección.

A integración no Foro, que deberá ser aprobada pola asociación de municipios, non implica o pagamento de cotas, pero si requirirá certos compromisos, como por exemplo a exhibición do distintivo do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal nas comunicacións de actividades, participar en xornadas e cursos formativos relacionados co proxecto, asesorar á asociación xestora en materias nas que as entidades sexan especialistas e, tamén importante, facer activismo como embaixadoras do xeoparque dentro e fóra do territorio.

Alén de reforzar o proxecto pola base -algo que a UNESCO mira con lupa á hora de conceder o distintivo Global Geopark-, ser Entidade Amiga tamén ten beneficios, entre eles o de crear sinerxias para levar adiante iniciativas conxuntas de todo tipo -culturais, ambientais, de posta en valor do patrimonio material e inmaterial, etc- e o de estar contribuíndo á implantación no territorio dun modelo de desenvolvemento social e ambientalmente sostible.

Durante o calendario de mesas sectoriais que remataron onte mesmo en Ortigueira, a Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal puxo en marcha un formulario en liña para asociacións e outro para centros de ensino coa finalidade de dispor de información sobre o seu funcionamento e ampliar a recollida de propostas sobre como artellar a estratexia de participación. O prazo para cubrir o formulario das entidades remata este 25 de abril, mentres que o dos colexios se manterá activo algún tempo máis.

Ademais tamén se publicou a proposta de protocolo de adhesión como “Entidade Amiga”, que inclúe todos os pasos que se deben dar e os documentos que cumprirá presentar para suscribir o acordo de colaboración entre o colectivo solicitante e a Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal.